A igrexa de Santiago


TEXTO E IMAXES DE XESÚS DO BREOGÁN


IGREXA PARROQUIAL


No ano 1095, Vima Menéndiz doa ó mosteiro de S. Miguel da Coelleira a terceira parte das propiedades da igrexa de San Xiao de Lovia, situada, segundo di no Inventario do Patrimonio Artístico de España, en Fazouro. Desgraciadamente, desta igrexa xa non quedan vestixios.
No ano 1499, Frei Pedro Morno doa ó Convento de Santo Domingo de Viveiro, entre outras cousas “algunas heredades en Santiago de Fazoiro”.
 
IMAXE DE SANTIAGO APÓSTOLO, PATRÓN
Será no ano 1750 cando se edifique a nova igrexa, encima de outra anterior da que tan só se conserva a porta principal, con arco de medio punto, batentes e casetóns, e a porta situada no muro esquerdo, con arco de medio punto.
Esta nova igrexa consta dunha nave, con cuberta de madeira a dúas augas,con sancristía e tellado a tres augas, así como capela maior a catro augas.
No 1800 edifícase no muro esquerdo da capela maior a Capela de San Campio.
A igrexa conta con retablo maior de estilo rococó, do 1750, que acolle imaxes do século XVI como a de Santiago peregrino, ou do XVII como unha escultura de Cristo ou a de San Roque; as demais imaxes son do século XVIII ou posteriores. Unha que chama a atención é a de San Andrés, policromada, que data do século XVI e que procede dunha capela que existiu no monte e da que non quedan restos.
 
ALTAR MAIOR
Nesta igrexa tamén podemos encontrar unha cruz procesional de prata e o relicario de San Campio, ámbalas dúas pezas de prata do século XVII.
IMAXE DE SAN CAMPIO, SEGUNDO PATRÓN