San Marcos da Ponte Vella


TEXTO E IMAXES DE XESÚS DO BREOGÁN
 

PETROGLIFO DE SAN MARCOS DA PONTE VELLA
 
Ninguén sabe quen puido ser o autor desta curiosa obra tallada en pedra de granito que din estar ligada á figura do apóstolo San Marcos.
 
A finais dos anos 50 do pasado século, esta pedra foi o xoguete dalgúns dos nenos do barrio de A Ponte Vella, os cales se dedicaban a empurrala dándolle voltas pola costa abaixo do camiño coma se dunha pelota se tratase, pero a pesar de dar tantas voltas, tal obra volveu, non se sabe como, a parar ao lugar onde sempre estivo colocada.
 
Esta figura monolítica que representa como dixen á figura do apóstolo San Marcos, aínda que ninguén sabe do século que pode ser, os veciños contan que a súa rogativa supera os 100 anos de antigüidade.
 
A pedra xunto con outras, formaba valado no terreo dunha casa situada no barrio de A Ponte Vella que era propiedade Ramón Martínez Rodríguez O Caminero) xa antes de se casar.
 
Ramón Martínez casou con Piar Díaz Rábade, natural de Trobo do concello de Begonte (Lugo), e eran coñecidos en Fazouro polos da “Casilla”, por que vivían nunha daquelas casas coñecidas por "Casilla de Peones Camineros".
 
No ano 1949, María, filla deles, e o seu esposo Manuel Martínez, fóronse vivir a esa casa que lles cederon os seus pais e sogros.
 
Como xa dixen que polos anos 50 do pasado século, serviu de xoguete para os nenos, un dos que máis xogaba con ela era o fillo de Manuel e María que se chamaba Francisco Martínez Martínez (Paco da Casilla), quizais por que a pedra estaba máis ao seu alcance ao estar nun terreo da súa propiedade.
 
Un día Paco, decidiu pintar a imaxe do Santo para resaltala e fíxoo con tinta extraída das bólas do sabugueiro –viauteiro- (Sambucus nigra). Se nos fixamos, nunha das caras esculpidas aínda se notan as marcas do tinguido.
 
Esta imaxe recibiu rogativas dos fieis fai moitísimos anos como xa comentei, e posiblemente as fixeron ata finais do século XIX onde os fregueses de Fazouro ao saír de misa ou quizais durante a procesión dalgún acto relixioso, viñan a este lugar dende a Igrexa Parroquial que está moi próxima, para pedirlle ao Santo que os favorecese con chuvia cando ían sementar o millo no mes de maio.
 
A pedra librouse de ir parar á entulleira grazas a Estrella Alonso (Estrella do Carolo) que evitou que a recollese a padexeira e a botase no camión.
 
Finalmente, e por expreso desexo de María Martínez, a súa auténtica propietaria, foi colocada no lugar onde sempre estivo e nese lugar desexamos que permaneza.